A D.O. Rías Baixas celebra un Salón do Viño en Santander no que participan 22 adegas con 90 marcas


6 de marzo de 2018.- O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizou onte un Salón do Viño na cidade de Santander,  concretamente no Gran Hotel Sardinero. O evento espertou gran expectación entre os profesionais cántabros, pois por alí pasaron uns 400 prescriptores, especialmente distribuidores, o que denota o crecente interese por estes viños atlánticos no mercado de referencia.

Oitenta marcas, pertencentes a 22 adegas, tiveron a oportunidade de amosar o traballo que actualmente se está realizando na D.O. Rías Baixas con viños entre os que se atopaban colleitas desde 2009 ata 2017. Pero tamén elaboracións especiais como escumosos, viños en madeira, sobre lías e tintos con D.O. Rías Baixas, entre outros.

O público asistente tivo a ocasión de profundizar nas singularidades dos viños desta rexión. De feito, numerosos distribuidores interesáronse polas novidades nas que traballa esta denominación de orixe, así como pola gran variedade de marcas que acudiron a este salón.

Esta é a terceira ocasión en que a Denominación de Orixe Rías Baixas visita Santander, a última foi en 2013 co gallo da presentación da Colleita 2012.

Mercado Santander

Segundo datos da Consultora Nielsen de Outubro de 2017, Santander está dentro da Área 6 ou Área Norte-Centro, que integra Cantabria, Vizcaya, Guipúzcoa, Álava, Navarra, La Rioja, Burgos e Palencia. Os viños de Rías Baixas representan o 3,3 % dese mercado, no que medraron un 0,2 % e no que ocupan a cuarta posición en vendas como denominación de orixe.

Ademais, Rías Baixas aumenta a súa cota de mercado ata 2,9 puntos, o que lle permite subir da oitava á sétima posición nas vendas totais de viños con Denominación de Orixe no mercado nacional. No caso das vendas de viño branco con D.O., Rías Baixas mantén a segunda posición cunha cota de 10,6 puntos, un 1,1 máis que o ano anterior.